abe rábade   Imprimir
 
Abe Rábade
 
ABE RÁBADE: Piano e composición
Santiago de Compostela, 8 de Setembro de 1977.
 
abe@aberabade.com
 

Abe Rábade comeza a súa formación musical aos 4 anos de idade na súa cidade natal. Na súa xuventude trasládase a EEUU onde perfecciona os seus estudos e obtén unha licenciatura Cum Laude en Jazz Composition e Piano Performance por Berklee College of Music (Boston). En 2000 fixa a súa residencia en Santiago de Compostela.

Pianista, compositor e docente, lidera o seu trío acústico desde 1996. Babel de Sons (2001) é o seu primeiro álbum, un directo que recolle a actuación galardoada co 2º premio do Concurso Internacional de Grupos de Jazz de Getxo (Euskadi). Nese mesmo ano, é galardoado co Premio Tete Montoliú ao Pianista Revelación en España da SGAE. Simetrías (2002), o seu segundo traballo discográfico, preséntase no Festival de Jazz Plaza de La Habana (Cuba).

Artista para Karonte Records desde 2004, editou GHU! Project vol.1 (2004), disco a quinteto, a producción Playing on Light -7 sounding photos- , un traballo programático onde se musican sete fotografías en branco e negro de autores clásicos. A crítica alabou este último traballo elixíndoo como Mellor Disco de Jazz en España de 2006 (Cuadernos de Jazz).
En 2007 concédeselle o Premio Aula X ao Mellor Solo nas X Xornadas sobre Jazz da UNED (Melilla). O seu máis recente traballo é a produción a septeto Open Doors, presentada no Festival de Jazz Plaza de la Habana (Cuba) en 2008.

Abe Rábade é director artístico do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra xunto a Paco Charlín desde 2000; programador do Festival Internacional Canjazz e do Canjazz Workshop xunto a Luís Carballo; foi o representante de Estudio escola de música (Santiago) nos encontros anuais da International Association of Schools of Jazz (IASJ) celebrados en Boston (2001) e Helsinki (2002). Desde 2006 é o director musical do grupo Ibiza Jazz Experience, produción propia do Festival Eivissa Jazz.

Xunto ás vocalistas Guadi Galego e Uxía Pedreira forma a banda Nordestin@s en 2005, baseada nunha actualización da música popular de Galiza. O seu primeiro disco (Nordestin@s, na compañía Falcatruada) foi dos 100 máis vendidos en España en Xaneiro de 2007. Nordestin@s tamén gañou o 1º premio na VI Edición dos Premios La Opinión de Música Galega. En 2008 produce musicalmente os discos Rosalía 21 (unha revisión e adaptación musical de textos de Rosalía de Castro) e Aloumiños de Seda (un encargo da Dirección Xeral de Política Lingüística dentro da campaña Xeración E Logo).

É membro do Jesús Santandreu Quartet, do Raynald Colom Quartet, do Quinteto Jazz Experience, director musical da formación Ten Jazz Men, e foi co-director da Orquestra de Jazz Imaxinasons no ano 2006 para a que escribiu a suite en tres movementos “Estados da Materia”.

Colaborou en directos e gravacións con músicos como Miguel Zenón, Claudia Acuña, Jeff Williams, Alan Ferber, Paco Charlín, Bruno Pedroso, Skip Hadden, Jesús Santandreu, Chris Kase, Perico Sambeat, Víctor de Diego, Jorge Pardo, Antonio Serrano, Horacio Fumero, Jeff Harrington, Raynald Colom, John O’Gallagher, Nelson Cascais, Deborah Carter, Marc Miralta, Tom Warburton, Marc Ayza, Miquel Casany, Carlos Barreto, Mário Barreiros, Nuno Ferreira, Guim García Balasch ou Ramón Ángel entre outros moitos.

Ofreceu concertos no ámbito estatal e internacional, destacando os principais Festivais do estado español, así como concertos en París e Toulouse (Francia), Berlín, Munich e Kiel  (Alemaña), Porto e Lisboa (Portugal), Tánxer (Marrocos), Boston (USA), Birmingham (UK), La Habana (Cuba), Helsinki (Finlandia), Salvador de Bahía (Brasil), entre outros.

DISCOGRAFÍA:

Como líder e co-líder:
Babel de Sons, 2001 (Xingra)
Simetrías, 2002 (Xingra)
GHU! Project vol.1, 2004 (Karonte)
Playing on Light – 7 sounding photos-, 2006 (Karonte)
Nordestin@s, 2006 (Falcatruada)
Rosalía 21, 2008 (Falcatruada)
Aloumiños de Seda, 2008 (Xeración E Logo)
Jazzia, 2008 (producción propia)
Open Doors -GHU! Project vol.2, 2008 (Karonte)

Como compositor e arranxista:
A Canary Man in Boston -René González Big band-, 2003 (+ Ná)
Ten Jazz Men –Ten Jazz Men-, 2007 (Free Code)

Como pianista:
Wes Montgomery Revisited -Miquel Casany-, 2005 (Sedajazz)
Out of the Cage –Jesús Santandreu Quartet-, 2007 (Fresh Sound)
Jazz in Galiza Series vol.1 –J. O’Gallagher, P. Charlín, J. Williams-, 2007 (Free Code)
Scketches of Groove –Raynald Colom-, 2007 (Fresh Sound)