Ten Jazz Men no Auditorio de Galicia

O Mércores 16 de Maio ás 21h no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela terá lugar a actuación de TEN JAZZ MEN

ten-jazz-men.JPG

Xavier “GDJazz” Pereiro trompeta & fliscorno

David Santiago trompeta & fliscorno

Rui Teixeira saxo alto

Martín Brea saxo tenor

Toño Otero saxo barítono

Toño Rodríguez trombón & bombardino

Felipe Villar guitarra

Iago Vázquez piano

Juansi Santomé contrabaixo

Iago Fernández batería

Dirección Musical Abe Rábade

Ten Jazz Men pecharán o Ciclo Composjazz ’07 presentando o seu traballo discográfico May’s Idea.

Piano Solo no Salzau Kulturzentrum (Alemaña)

salzau.jpg

O día 23 deste mes teño prevista unha actuación a Piano Solo neste impoñente palacete co gallo da inauguración da exposición Galicia en Cartel. O fermoso pazo está na rexión alemana de Schleswig Holstein, ó norte do país, preto de Hamburgo. Esta exposición, coordenada por Ruth Varela e Pablo Ferreiro estivo no Pazo de Fonseca de Compostela de Setembro a Outubro de 2005, onde xa tivera a oportunidade de colaborar cedendo unha hora e media de música miña xa editada para unha das salas. Despois estivo en Montevideo e en Buenos Aires. Nesta ocasión imos polo directo nun formato tan especial como o piano solo. A sala é moi bonita e o piano un Steinway!!

salpno.jpg

Blessings

dsc_0172.JPG

Vaia mes de Marzo… Intenso pero desde logo proveitoso. O concerto de Jaca foi especial!! Nelson Cascais e Bruno Pedroso danme a vida neste meu proxecto máis preciado e especial: o trío.

DIARIO DE ABORDO:

Telequinesia (do grego τηλε tele, ‘distante’ e κίνησις kinesis, ‘movemento’) é efectivamente a capacidade para mover obxetos ou modificalos utilizando a enerxía da mente sen entrar en contacto físico en momento algún.

tele.jpg

Por outra banda, todo o que teña masa e ocupa un volume ten densidade (tamén os gases). Mídese en gr/cm3 ou kg/m3

dens.jpg

Loángele (S.L.) é unha tenda de discos especializada en álbums de Sting (senón que llo pregunten a Bea ou a Bruno).

la.jpg

Elías e Bea, quérovos moito, xa o sabedes!!

Abe Rábade Trío en Jaca

art.jpg

O Sábado 31 estaremos en Jaca (Huesca) presentando o Playing on Light. De novo coa proxección das sete fotos que cimentan este proxecto durante o concerto. De novo disfrutando de dous talentos: Nelson Cascais no contrabaixo e Bruno Pedroso na batería.

Míkel Andueza

mikel.jpg

Onte foi o fin do ciclo Jazz no Principal en Pontevedra. O concerto de Míkel Andueza con Ten Jazz Men foi sólido e atraeu a bastante xente ó teatro. Cómo toca este saxofonista!! Solos espectaculares en In Vogue, Broken Chart, All the things you are e Fuiji… No Night & Day houbo jam session tardía (máis se cabe co cambio de hora). Tocamos Juansi, Felipe, os Iagos, Max, Míkel, Toño, Rafa, Antón, Carlos e menda. Divertido… especialmente You don’t know what love is e Cherokee. Fin de festa con When the Saints go marchin’ in (altas horas…..). Momento surrealista: insistente home con gafas con afán de técnico de son irritante, bailarín contemporáneo e grande amante dun disco de McCoy Tyner que nos quedou clarísimo que se chama TRIDENT… En fin… Viva o Jazz Acústico!!

Jam no Dado Dadá

Onte houbo jam no Dado. Levamos sete anos, que se dí pronto…

logo-dado.jpg

O grupo formado por Marcos Vázquez (batería), Barry Edwards (guitarra) e Mariano Martos (baixo eléctrico) foi o encargado de abrir a jam. Esta banda, Animales Domésticos, acaba de editar disco en Free Code Jazz Records. Tiven a oportunidade de gravar uns teclados nun dos temas deste traballo discográfico. Gústame o sonido equilibrado do trío.

ico_caratulajpeg.jpg

Na jam faltaba un baixista que lle quitase traballo a Mariano, quen tivo que tocar todo o tempo ata que nun arrouto pola miña parte desfixen un par de temas tocando eu o baixo eléctrico. En fin.. Gustaríame telo feito bastante mellor, pero foi divertido.
O fin de festa foi realmente especial: sesión afrocubana con Elvis e Iago nas congas e eu tentando levar cáscaras nun hi-hat. Intenso e gozoso!!
O Martes que ven hai máis Animales Domésticos. Non o perdades.

Ten Jazz Men no Teatro Principal de Pontevedra

O vindeiro 24 de Marzo no Teatro Principal de Pontevedra ás 21:30 actuarán os Ten Jazz Men con Míkel Andueza de convidado especial no saxo alto. Este concerto pecha o ciclo Jazz no Principal 2007 organizado polo Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra. Ten Jazz Men é unha bigband reducida que se formou en 2006 co gallo do Festival de Jazz de Cangas Canjazz. O grupo participou tamén no Festival de Jazz de Lugo en Novembro do ano pasado e na Gala do XXV Aniversario do Parlamento de Galicia celebrada no Auditorio CaixaNova de Pontevedra. O 16 de Maio Ten Jazz Men tocará no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela pechando o ciclo Composjazz. O primeiro disco da banda chámase May’s Idea e foi editado por Free Code Jazz Records en 2007.
Míkel Andueza é un dos máis destacados saxofonistas da escena jazzística peninsular. Na mañá do día 24 ofrecerá unha Master Class na sé do SPJ en Pontevedra (Alfonso XIII, nº 7). O repertorio para esa noite é unha selección especial de temas nos que o saxo alto ten un destacado papel como solista.
Inclúovos as liner notes que preparei para o primeiro disco de Ten Jazz Men:

ten-jazz-men.JPG

O proxecto Ten Jazz Men nace en Agosto de 2006 como unha producción propia do Canjazz (Workshop + Festival de Jazz de Cangas). A idea central da proposta era a de formar unha bigband reducida na que os seus integrantes aportaran boa parte do seu repertorio con material orixinal. Pedinlles composicións a Xavier Pereiro (Black May), Telmo Fernández (Tip, Tap, Toe) e a Iago Vázquez, que mesmo arranxou o seu tema para o grupo (Capicúa). Desta maneira, a proposta constituía un vehículo de expresión tanto interpretativa como compositiva para os seus membros, vencellados todos eles ao SPJ. Arranxei os temas de Xavier e Iago e engadín dúas composicións miñas (Laranxa Colorada e May’s Idea). Por último pensei que sería interesante incluír no programa unha versión dunha preciosa peza tradicional galega (Non Sei) e tamén un standard do repertorio clásico do jazz (All the things you are). Para aquel primeiro concerto no Canjazz tivemos a sorte de poder incluír unha composición de Jesús Santandreu expresamente escrita para a banda (Isabel y Fernanda). A presente gravación foi feita en Pontevedra unha semana despois da exitosa estrea do grupo ante o público en Cangas.

Ten Jazz Men é unha formación con continuidade tal e como se constatou coa sús participación no Festival de Jazz de Lugo e na gravación en directo para a TVG do Especial XXV Aniversario do Parlamento de Galicia no Auditorio CaixaNova en Pontevedra. Neste 2007 o grupo participará no Jazz no Principal de Pontevedra co saxofonista basco Míkel Andueza de convidado así como no Festival de Jazz de Santiago de Compostela.

Para min é un verdadeiro pracer asumir a dirección artística dun grupo de talentosos músicos que darán moito que falar. Espero que vos guste o disco!

Fin de Xira e Novo Disco

mesa.jpg

Acabo de chegar a BCN co novo disco de Raynald Colom xa gravado. Con todos os temas aínda na cabeza despois de 12 horas hoxe e outras tantas na sesión de onte, a verdade é que a sensación é inmellorablemente grata.
Sen contar con isto a priori, saiu un disco moi “espiritual” diría eu. A enerxía creo que estivo moi ben controlada por parte de todos. O feito de engadir a Roger como percusionista ademais da plantilla do cuarteto con Ray, Warburton, Ayza e menda axudou a ter moitas cores e matices interesantes.
Raynald tamén quixo contar con Martí Serra para un par de temas con saxo tenor. Os saxofonistas altos cataláns Gim García e Raúl Reverter gravaron tamén. Incluso puiden colaborar con 2 arranxos con sección de vento madeira (frauta, 2 saxos altos, clarinete e clarinete baixo con Phillipe Colom). Toda unha experiencia!!!
O disco sae en Xullo e aínda se descoñece o título.
Altisimamente recomendable o Estudio 44.1 de Girona baixo o mando de Toni (super técnico).

Á marxe disto, haxa paz señores…

1.- Non sabía eu que facer un traxecto matutino con James Brown a todo trapo no coche descolocara tanto a algunha xente con madeira de sicólogo.
2.- As claves son para quen son (e ben que as entende, mmmmmmmmmm…..)
3.- Escribir poesía non está penado pola República de Internet.
4.- Nietzsche é dos autores peor comprendidos da historia da filosofía.

GRACIÑAS A TODOS POR ANIMAR ESTE BLOG NA SÚA PRIMEIRA SEMANA DE EXISTENCIA!!!

Nordestin@s, Concertos en Marzo

As datas de Nordestin@s neste mes de Marzo son:

21/3/2007 Pazo de Cultura de Pontevedra
23/3/2007 Boiro
30/3/2007 Lalín

nordestins2.JPG

Escribín isto sobre elas para o disco:

Costa Norte, Costa Norte
ben te podes alabare,
Santiago con ser Santiago
non ten un porto de mare.

Con esta cobizosa copliña remata o repertorio actual de Nordestin@s, proxecto musical que teño a honra de compartir con Guadi Galego e Ugía Pedreira. Cedeira e Foz vacilan a un pianista do interior.

Houbo quen dixo que un é do lugar no que ama. A GU e a UG aman o mar e as dúas son Acuario…..

Tamén oín por aí que a Guadi lle ten medo ao mar. Pero o medo é o amor famento, e posiblemente por iso cante ela coa elegancia temperada coa que só as valentes encaran a adversidade.

A Uxía ten aquela forza arrebatadora dunha praia do Norte. Sempre me gustou pensar que a grafía desa praia lucense era Jazz….

Elas son forzas opostas que complementan o rexistro das súas voces con unísonos á octava ou harmonías traballadas na marea baixa.

Guadi ten un timbre agudo e nobre.

Uxía ten unha voz grave e moi expresiva.

Elas son chaves mestras para abrirnos a vía da intuición (aquel camiño polo que transita a boa música).

O trinomio mar-amor-morte está sempre presente..

Recordo a mensaxe de voz, coa Ugía toda rufa falando decidida daquel proxecto que querían emprender conmigo (a Guadi ría por detrás pasmada polo aplomo de Pedreira ao aparato). Cando oín o buzón de voz pensei que igual era hora de tentar facer algo que tan perigoso me parecía nun principio como compacto me parece hoxe. Música vocal….. tradición mariñeira….. harmonía de jazz…..

Xa dixera o alemán apaixonado que Todas as formas, sabéndoas mirar, son fermosas.

Xa dixera a fotógrafa que o amor implica unha peculiar e insondable mistura de comprensión e incomprensión.

Munich, Berlín e Barcelona….

Veño de tocar co Raynald Colom Quartet no Ünter Fahrt de Munich o día 9 de Marzo e no A-Train Jazz Club de Berlín o día 11. Vaia días máis sólidos!! Onte tocamos no Jamboree en BCN. Gravamos disco esta semana en Girona e a cousa promete.
A verdade é que para min tocar coa banda de Raynald é especialmente gratificante. Por unha parte, a sección rítmica arrasa: Tom Warburton no contrabaixo (a quen tivemos a sorte de ter no Jazz no Principal de Pontevedra a semana pasada) e Marc Ayza (batería co que a verdade me entendo rítmicamente como con moi pouca xente). Despois está Raynald coa súa enerxía como solista e o seu repertorio cheo de contrastes.
Gravaremos esta semana unha pequena suite en 4 partes cunha influencia “arabizante” moi marcada. E os temas de Ray: The Jazz Voyeur, 12 hours dope, Horacio (adicado ó mestre Horacio Fumero), El Clandestino, Lu’s Mood. Marc Ayza aporta un tema moi groovy: Juanito’s Groove.
O Sábado volto a Galiza.colom.jpg