Promo de Nordestin@s en MAD e BCN

nordestinas_170.jpg

Comezamos unha apretada semana de promoción do disco de Nordestin@s. Temos dous concertos: o día 9 na Sala Clamores de Madrid e o 11 no Palau da Música de Barcelona. A verdade é que se foi un pouquiño a man coa cantidade de entrevistas (ata seis entrevistas algún dos días….). Facemos Discópolis en Radio 3 o Martes 8 ás 13 horas. A ver que tal estes madrugóns de Lúns a Venres….

Jazz in Galiza Series, vol.1

jazzingaliza.jpg

Acaba de saír o disco Jazz in Galiza Series vol.1 en Free Code Jazz Records. Esta gravación realizada o ano pasado no Pazo da Cultura de Pontevedra é a primeira entrega dunha serie de traballos que serán editados anualmente. A banda conformámola os newyorkers John O’Gallagher (saxo alto) e Jeff Williams (batería) xunto ós galegos Paco Charlín (contrabaixo) e Abe Rábade (piano). A filosofía desta colección é amosar o interesante intercambio musical entre músicos convidados a Galiza e jazzistas de aquí. Xa hai anos que o Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra leva a cabo accións semellantes, que agora fructificarán en discos coma o presente.
O repertorio do disco confórmano orixinais de John O’Gallagher (Faith of Fable e Go Where You’re Watching), Paco Charlín (J Trane Blues, High Direction e The God’s Rain), Abe Rábade (Circle with an Ending e Casa Paco) e unha sesión de improvisación colectiva baixo o título Conversation with the Souls.
Para mercar o disco, visitade o site www.freecodejazzrecords.com

Eu programo, ti programas, el programa…

É moita a distancia que nos separa á xente con certas responsabilidades á hora de promover o jazz neste país. Acabo de recibir o programa (cuatriplicado, por certo, menos mal que na casa se recicla…) do ciclo de jazz de Barrié de La Maza na Coruña e Vigo para este 2007. Eu podo entender a querencia polas primeiras figuras da escena jazzística internacional por parte da organización. É máis, atopo realmente interesante a aposta por xente tan sólida como Payton, Bridgewater ou Lonnie Smith. Pero o que me indigna poderosamente é a non presencia de absolutamente ningún nome en cartel de músicos de Galiza. Estamos en Galiza, señores!! A única referencia ós músicos galegos aparece o día 26 de Abril co seguinte texto (sic.): incluirá una jam session con músicos gallegos. Vaia, os restos do cocido sen sequera nomear os garbanzos que quedan para a noite. É un insulto en toda regra.

barrie.jpg

O momento actual do jazz neste país permite outro tipo de programación. Hoxe asistimos a unha morea de lanzamentos discográficos anualmente. Non hai excusa. Por se fose pouco hai unha canteira impresionante de talentos que se están a formar en Galiza. Ten moito delito que habendo jazzistas como Paco Charlín, Ramón Ángel, Manolo Gutiérrez, Santi Quintáns, Max Gómez, Xacobe Martínez, Roberto Somoza, Baldo Martínez, Virxilio da Silva, Pablo Castaño, Carlos López e un longuísimo etcétera, non se inclúa ningunha das súas propostas nunha programación deste tipo. Como dicía o outro, quen teña oídos para oír que oia!!

Xan Campos e Iago Fernández na final de Getxo 2007

Bravo!! É a segunda vez que un grupo do Estado español chega á final do Concurso Internacional de Grupos de Jazz de Getxo. Nós en 2000 co trío quedamos segundos e este ano escolleron o grupo do pianista Xan Campos e o batería Iago Fernández. Estes dous rapaces están en Musikene (Donosti) despois de moitos anos no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra onde Paco Charlín e eu lles demos clase. Ogallá gañen o concurso. Talento sóbralles.

xan_iago.gif