abe rábade
Pianista e compositor nacido en Compostela o 8 de setembro de 1977. Conta con quince discos como líder (Botánica, o máis recente, editado por Nuba Records no 2022), estreou dúas composicións sinfónicas (Tránsitos no 2015 e Tempos Velados no 2018), outras tres obras poético-musicais (Rosalía 21 no 2008, Travesía dos Poetas no 2010 e Lorca Namorado no 2019).
É autor de 200 composicións en estilos como jazz, clásica, experimental e músicas de raíz. Actúa con numerosas figuras de reconocido prestixio internacional en concertos e festivais de todo o mundo. Así mesmo ofrece múltiples masterclasses en centros especializados.
Licenciado Cum Laude en Jazz Composition e Piano Performance por Berklee College of Music (Boston, EEUU) no 1999, actualmente é docente nos conservatorios superiores de música de Galiza e Portugal.
Dirixe o seu trío de jazz acústico desde 1996, formado na actualidade por Pablo Martín Caminero no contrabaixo e Bruno Pedroso na batería.
Formou o grupo Nordestin@s en 2006 xunto ás cantantes Guadi Galego e Uxía Pedreira. O disco homónimo foi un dos 100 máis vendidos no estado español no Nadal de 2006.
Desde 2001 é codirector artístico (xunto a Paco Charlín) do Seminario Permanente de Jazz, na cidade de Pontevedra.
Forma parte do corpo docente da ESMAE (Porto, Portugal) desde 2009 e do CSM Galicia, desde 2019.
VIDEOBOOK RETROSPECTIVO
Adoito mirar cara adiante… ter comezado o proceso do próximo disco mentres sae o anterior, observar que cuestións me van permitir evolucionar o son, a profundidade harmónica, a expresividade compositiva ou a estratexia no percorrido artístico. Pero estes días quixen ollar para atrás. E preparei este vídeo carroussel cunha escolla de concertos e gravacións.
No coñecido desvélase o oculto e no oculto desvélase o coñecido. Por iso, aínda que fago á man a miña música sempre a sentín cos pés, cos pés descalzos… rebozados de area… bañándose despois coa escuma salgada e nuns días acariñando o orballo dun prado… e pisando á noite o chan pegañento dunha tasca… e enlamados á alba nun bulleiro… e lavándose para entrar nun templo… e sempre buscando a seguinte praia…